jueves, 27 de septiembre de 2012

25S


O pasado 25 de setembro levouse a cabo a acción da “Plataforma ¡En Pie! Ocupa el Congreso”, consistente nunha chamada a toda a cidadanía española para manifestarse  pacíficamente nos arredores do Congreso dos Diputados. O motivo: o panorama político, social e económico existente en España, que semella complicarse máis e máis cada día.

Dende a Plataforma ¡En Pie! instan á rebelión do pobo na defensa dos dereitos fundamentais e das liberdades individuais, comezando por conseguir a dimisión do goberno actual e rematando por acadar un novo modelo de organización que funcione como garante dunha sociedade máis xusta e democrática. 
Foron case uns 2000 manifestantes os que se congregaron en Madrid o pasado martes. A convocatoria dou a volta ó mundo. Saíu en múltiples medios de comunicación, tanto nacionais coma estranxeiros, pero non precisamente pola forza das súas reivindicacións, senón polo grado de represión policial, correcto para algúns e desorbitado para outros. 

A delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, a mesma que autorizou a manifestación, defendeu a actuación policial e as cargas contra os congregados. Tanto ela coma o ministro de Interior fixeron especial fincapé na “violencia extrema dalgúns manifestantes” e no seu radicalismo e felicitaron ó corpo de seguridade estatal por garantir a protección do Congreso.

Pola súa parte, o líder da oposición, Alfredo Pérez Rubalcaba, afirmou que ao Presidente “o país se lle vai das mans”.

Esta non é máis que unha breve presentación do conflito, basándome esencialmente para iso nos diarios El País, El Mundo e Público, pero sabemos que a súa dimensión é moito máis ampla. A polémica xurdida presenta moitas interrogantes. ¿É cuestionable o papel policial? ¿E o dos manifestantes? ¿É correcta a reacción dos representantes do Goberno? ¿Suporá esta protesta un punto e aparte?

Personalmente, paréceme que estamos caendo nunha serie de despropósitos que nos deberían facer abrir os ollos.

Temos un Presidente do Goberno que non está sensibilizado en absoluto co estado de escaseza ao que se ven sometidos día a día moitos cidadáns. Parece que non é consciente da tasa de paro nin da precariedade laboral, de que moitas familias teñen que acudir a comedores sociais para teren algo que levar á boca, de que soben os impostos pero se facilita o despido, de que se recorta en educación e sanidade pero estamos inxectando diñeiro público a entidades privadas, de que a corrupción forma parte dos programas políticos…

Durante o 25S , Mariano Rajoy estaba de campaña en Nova York para recuperar a credibilidade do país, e aproveitou para referirse a esa maioría silenciosa que en vez de manifestarse asume os sacrificios sen queixarse. Ao único que lle interesa ao Presidente e fomentar a “marca España” e calar á cidadanía. “A percepción da imaxe de España non se corresponde coa realidade”, dicía. Pero engánase o Señor Rajoy. Esta é a verdadeira cara do país actualmente, por moito que teime en negalo, e adopta unha postura moi autoritaria e censora ao criticar aos cidadáns que salen á rúa, cando o único que fan é exercer os seus dereitos. A prensa internacional (The New York Times, Le Monde, The Guardian, a BBC, Aljazeera…) está ao tanto e non tardou en destacar nas súas edicións “online” as protestas. A presidenta arxentina, Cristina Fernández, tamén denunciou a situación ante a ONU.  

En canto á actitude policial, calificaríaa de esaxerada, desorbitada, excesiva, desmesurada. Calquera adxectivo deste tipo é o que procede nestes casos. Producíronse agresións a xornalistas e a cidadáns que nin sequera participaban da manifestación. Producíronse excesos policiais (eran ata nove os axentes que podían estar inmobilizando un manifestante) e os axentes negáronse a identificarse, cando esa é a súa obrigación. E eu pregúntome, e ós cidadáns, quen os defende? Ninguén. Se algún deles reacciona violentamente o deber da policía é detelos, pero creo que para iso non é necesario arrastralos polo asfalto ou deixalos desangrados. Os axentes saben que teñen bandeira verde e aprovéitanse diso, pois é o Goberno quen lles dá o aprobado.  Moitos cidadáns temen unirse a estas concentracións porque saben que non hai ningunha institución que os ampare. A Xustiza nestes casos é inoperante, posto que os corpos de seguridade están ao servizo do Poder. 

En definitiva, lamentable que un dos feridos presente unha lesión medular e que Cifuentes se ampare en que “xa tiña antecedentes desta doenza por un accidente de tráfico”. Non creo que esa sexa unha resposta coherente que xustifique que un dos manifestantes estivo ao borde de quedar paralítico polos golpes recibidos.
Este vídeo é unha mostra da actitude policial. Unha imaxe vale máis que mil palabras.

María Dolores de Cospedal atreveuse a comparar o 25S co intento de Golpe de Estado do 23F. Está relacionando o asalto ao Congreso duns gardas civís a golpe de pistola cunha convocatoria pacífica de protesta, o cal me parece un disparate.

O ideal para o Goberno sería que caláramos e asentíramos, pero nesta etapa de desacougo, na que os índices de pobreza están aumentando cada día máis e non sabemos o que nos deparará o futuro, probablemente o único que nos quede sexa a palabra.

jueves, 20 de septiembre de 2012

A clase política. Renovarse ou morrer


César Molinas publicará no 2013 un libro titulado “¿Qué hacer con España?”Una teoría de la clase política española corresponde a un dos seus capítulos. Este artigo publicado en El País supuxo un revulsivo nas mentes de cada un dos lectores que desmiuzaron as súas palabras. Estamos ante un texto denso, sentencioso e de gran notoriedade nas redes sociais, no que César Molinas non se mordiu a lingua á hora de apedrear á clase política española.

Di moitas verdades. Entre outras, eu citaría as seguintes:
-Ningún partido político foi quen de ofrecer un diagnóstico coherente sobre o que está ocorrendo en España  nin ofreceu unha estratexia crible para sacala da crise.
-A clase política é un sistema de captura de rendas, que busca o interés propio e non o xeral.
-A clase política é a principal responsable da burbulla inmobiliaria, do colapso das caixas de aforro, da burbulla das enerxías renovables e da burbulla das infraestruturas innecesarias.
-A clase política alterna cargos oficiais con enchufes nas empresas e en organismos públicos.
-A clase política invadiu outos ámbitos que deberían ser independentes, coma o da Xustiza.
E podería seguir eu:
-Cobran uns soldos desorbitados.
-Cada día son máis os casos de corrupción política que saen á luz. Hoxe mesmo saiu no telexornal a detención do alcalde de Ourense.
-De cada dúas palabras que nos din, tres son mentira. E non o digo eu, demóstrano a cantidade de contradicións nas que caen continuamente.

A sociedade española está cansa. A confianza nos nosos representantes está polo chan.

Gaetano Mosca pon de manifesto que dende sempre existiron dous tipos de persoas: as que gobernan e as que son gobernadas. O primeiro grupo é minoritario e goza do monopolio do poder. O segundo está composto pola maioría do pobo, baixo a autoridade da chamada clase política.
É certo, eles están por enriba e nós estamos por debaixo, pero iso non quere dicir que non lles deban lealdade ós cidadáns, nin que non teñamos dereito a pedir responsabilidades. Hoxe máis que nunca.

Houbo todo tipo de reaccións ó texto de César Molinas, a maioría delas concordantes.
Eu non vou cuestionar a súa teoría. Non sei se é ou non factible. Non sei se a súa proposta de cambio dun sistema electoral pechado a outro maioritario serviría realmente de moito, pois non teño os coñecementos suficientes para xulgalo. Mais sempre haberá quen se atreva a facelo, con máis ou menos acerto. Aquí vos deixo unha mostra:

miércoles, 19 de septiembre de 2012

Comecemos cun guión de debate


Inauguro este blog presentándovos o seguinte guión de debate, froito do traballo en conxunto coas miñas compañeiras. Agardo que vos sexa útil.


DEBATE ELECCIÓNS AUTONÓMICAS GALEGAS. 21-O

1.      Introdución
1.1.   Repercusión na actualidade da crise económica en Galicia
1.1.1.      Programa de reformas levadas a cabo polo PPdeG nesta lexislatura
1.2.   Adianto das eleccións galegas para o 21 de outubro
1.3.   Presentación dos partidos que optan á presidencia e dos seus respectivos candidatos

2.      Debate. Puntos a desenvolver
2.1.   Programa electoral dos diferentes partidos
2.1.1.     Sanidade.
a.                O copago sanitario
b.                A garantía da sanidade para os maiores de 65 anos e os inmigrantes
2.1.2.     Educación.
a.                Bolsas estudantís
b.                Política lingüítistica
2.1.3.     Reforma laboral. Solución ó paro xuvenil
2.1.4.     Política agraria e naval.
a.                Problemática do sector lácteo
b.                Os estaleiros galegos
2.1.5.     Política social
2.1.6.     Banca galega
2.2.   Impacto dos novos partidos minoritarios (Converxencia XXI, SCD, Compromiso por Galicia…)

3.      Conclusións
3.1.   O 21-O como unha estratexia do PPdeG para non perder votantes
3.2.   Posibles coalicións cos novos partidos
3.3.   É o adianto das eleccións unha orde de Moncloa?


Mª Uxía Barrientos Reboiras
Olalla Díaz Parada
Adriana Freire Riveiro
Aris González Cid