RESUMO
Este
documento consiste nun breve percorrido polo mundo da Documentación
informativa. Profundizaremos neste concepto, faremos unha viaxe pola súa
historia, estableceremos os seus principios, as súas funcións, e a súa
finalidade como instrumento. Referirémonos tamén ó papel que xoga a
Documentación informativa con respecto ó xornalista e ós medios de
comunicación, e falaremos das
características da información na actualidade dende o punto de vista
documental. Para rematar, reflexionaremos sobre o papel da Documentación no
novo escenario, a Internet. En
definitiva, trátase dun pequeno traballo de investigación e de documentación co
que fixaremos unhas ideas básicas acerca desta disciplina.
PALABRAS
CLAVE
Paul
Otlet, arquivo, ordenar, conservar, información documentada, sobrecarga
informativa, xornalista/documentalista.
INTRODUCIÓN
Os primeiros antecedentes da
documentación atopámolos no século XVIII, cando xorden os os arquivos de prensa iniciais en
Gran Bretaña e Alemaña co obxectivo de acumular artigos aparecidos noutros
medios para a súa reimpresión ou de elaborar un arquivo dos propios exemplares
ou das necrolóxicas.
A
orixe dos servizos de documentación está estreitamente relacionada coa
preparación de necrolóxicas, en especial co momento no que este tipo de
informacións se comezaron a acompañar con material gráfico.
Posteriormente,
xurdiu tamén a necesidade de contar cun
breve esbozo biográfico, que acompañase ao retrato do falecido.
A introdución da documentación no xornalismo anglosaxón a partires de 1850 coincidiu con diversos factores: o impulso económico dado pola empresa xornalística en Inglaterra e os EE.UU, o afán por ofrecer información de maior calidade, e o dinamismo provocado polo sector da comunicación a raíz da difusión do telégrafo. O interese documental xurdiu tamén da vontade por autorizar a información, por verificala e, ó mesmo tempo, por dar prestixio e calidade ó medio. A seguinte etapa no desenvolvemento dos servizos de referencia correspóndese coa elaboración de índices temáticos e de autores, destinados a multiplicaren as posibilidades de recuperación da información. Fúndase así no ano 1851 o New York Times e o seu departamento de documentación (la Morgue), que comeza a confeccionar e publicar un índice do xornal.
Deste
xeito, a necesidade de contar con documentación fiable non se limitou unicamente
á redacción de notas necrolóxicas, senón que se trasladou a outros contidos
informativos dos diarios. Isto foi posible grazas á existencia de arquivos de
recortes, que recopilaban e seleccionaban información sobre todo tipo de
sucesos e temas.
A partires de 1950, a extensión da práctica documental e o
desenvolvemento interno dos centros de documentación xornalística tiveron o seu
reflexo no crecemento desmesurado dos arquivos de prensa, o que provocou
problemas de xestión, relativos tanto á clasificación e preservación, como á
recuperación do material almacenado. Todo isto fixo inevitable a incorporación
da mecanización na cadea documental. A microfilmación, as primeiras bases de datos,
as primeiras memorias ópticas… xurdiron neste contexto.
CONCEPTO
O proceso documental preséntase como proceso complementario
do proceso informativo e ocupa un lugar destacadísimo, xa se trate da documentación
que recupera a información científica producida polos saberes informativos, xa
se trate da documentación que recupera as fontes para elaborar novas
infomacións no dominio do traballo informativo nos medios de comunicación
social.
Cada autor ten a súa propia perspectiva. Algunhas son as
seguintes:
Marques de Melo considera a Documentación como “a ciencia que estuda o proceso de recoller e
clasificar informacións orixinais a fin
de tornalas accesibles para a elaboración de novas
informacións”.
O profesor José López Yepes, considera que o proceso documental é un proceso informativo, pois reúne os elementos propios do emisor, da mensaxe, do receptor, etc. Pero é un proceso recuperador a partir da información previamente conservada e analizada.
Segundo Nuria Amat, chamamos documentación ó proceso de reunir documentos sobre un tema determinado e ó tratamento deses documentos para a súa difusión precisa, exhaustiva e inmediata.
Para Paul Otlet, teórico clave nas orixes da conceptualización da ciencia da Documentación, esta é a ciencia dos documentos, pero tamén a ciencia auxiliar de toas as ciencias, porque as súas actividades facilitan o desenvolvemento desta, ordenando os materiais e facilitando o acceso a eles por parte dos científicos.
Os principios da Documentación do traballo informativo son os seguintes:
-Principios teleolóxicos: Marcados polos obxectivos fundamentais da información xornalística (a veracidade informativa e a súa intelección por parte do destinatario).
-Principios teleolóxicos: Marcados polos obxectivos fundamentais da información xornalística (a veracidade informativa e a súa intelección por parte do destinatario).
- Principio verificativo: é a causa orixinaria fundamental da actividade documental xornalística, polo cal esta se orienta cara a consecución da verdade informativa.
- Principio explicativo: é causa final específica da actividade documental xornalística. Axuda á intelección da verdade informativa mediante a valoración e a potenciación do carácter aclaratorio dos textos e referencias cuxa veracidade se comprobou e completou.
- Principio editorial: constitúe unha perspectiva subxectiva das anteriores e reúne dúas dimensións: a ideolóxica (liña editorial do medio) e a formal.
-Principios
formais e circunstanciais: A razón de ser da documentación
está no seu posterior uso, polo que é necesario determinar a utilización futura
das fontes; hai ademais circunstancias que restrinxen a documentación.
- Principio de perdurabilidade: razón formal da actividade documental xornalística, que tende a fixar a utilidade futura e o grado de permanencia de textos e referencias.
- Principio de adecuación funcional: regra metodolóxica na actividade documental xornalística, pola cal esta se orienta ao tratamento específico que precisa cada tarefa e medio documental, de acordo coa súa natureza e a función que realiza.
- Principio limitativo: supón o conxunto de circunstancias reais da actividade documental xornalística, que limitan o seu exercicio (localización, ámbito de difusión, tipo de publicación, periodicidade…).
CARACTERÍSTICAS
DA INFORMACIÓN DE ACTUALIDADE
A información de actualidade non é un conxunto
multiforme de feitos puntuais sen relación entre sí, senón un complexo
entramado de causas e efectos constituído polo reflexo das actividades
políticas, económicas, sociais e culturais do home. As noticias non xorden da
nada, senón que teñen antecedentes e consecuencias. Unhas noticias relaciónanse
con outras e dunhas derivan outras. Isto implica que a función dos medios de
información non sexa simplemente dar noticias, senón ofrecerlle ao lector a
información documentada, na que cada noticia sexa vista en función das súas
relacións co resto da información de actualidade. A información documentada é
unha información investigada, explicada, precisa e, por tanto, obxectiva. Agora
ben, a documentación atopa obstáculos, como a presión do tempo (a hora de peche
límite nos medios de comunicación), o exceso das fontes documentais e a
sobrecarga de información que obrigan a diferenciar entre o que vale e o que
non vale.
As principais características da información de
actualidade dende a perspectiva do traballo documental son expostas por Amat e
Blasco:
1.- Coincidencia episódica: as mesmas noticias son
ofrecidas por todos os medios diarios nas mesmas datas, así coma nas revistas
xerais nas súas datas de publicación e nos espazos informativos no diario dos
medios audiovisuais. A causa é a dependencia dos medios das axencias.
2.- Redundancia cíclica: a actividade xornalística
céntrase na cobertura dos feitos contemporáneos. Como a actividade humana é
recurrente, o tratamento dado a esta cobertura tamén o é. Determinados
acontecementos teñen unha frecuencia diaria (a Bolsa), outros semanal (reunión
do consello de ministros), outros mensual (o IPC), trimestral (grandes
operacións de tráfico) ou anual (os óscars de Hollywood). Isto fainos
previsibles para a documentación.
3.- Efecto Mateo: uns poucos personaxes polarizan o
interés dos medios e aparecen nomeados en moitas noticias mentras que
moitísimos personaxes aparecen citados polos medios poucas veces, co
conseguinte desequilibrio para o tratamento da información relativa ás persoas.
4.- Multiplicidade de soportes: teletipos, noticias
impresas, comunicados de prensa, gravacións radiofónicas, materiais visuais e
audiovisuais.
5.- Fragmentación da mensaxe: as mensaxes
informativas transmítense fragmentadas polo ritmo de captación dos
acontecementos diferente ao da publicación ou edición dos medios.
6.- Documentos compostos: textos con fotografías e
gráficos, por exemplo, plantexan dificultades de organización documental e de
deseño das ferramentas de recuperación documental.
7.- Ley do mínimo esforzo: a presión do tempo coa
que se acostuma traballar vai proporcional ao decaemento de respostas e
tratamentos da información elaborados.
8.- Estratificación de usuarios e usos: trabállase
para usuarios moi diferentes na súa especialización e nos seus obxectivos.
9.- Relatividade do significado: os documentos
xornalísticos cambian o seu significado en distintos contextos e admiten
interpretacións diversas por parte dos usuarios. Isto fainos polivalentes. Na
información audiovisual isto é especialmente significativo: así uns planos de
recurso gravados nuns laboratorios de investigación farmacolóxica poden servir
para unha noticia sobre a SIDA.
Poderiamos engadir unha última característica do
discurso informativo: a omisión. Os textos xornalísticos omiten sempre
información, voluntaria ou involuntariamente, e isto debe ser tido en conta polo
documentalista que debe facelos perdurables a longo plazo, pois algunhas
omisións son detectables no momento.
FUNCIÓNS
A Documentación informativa conta cunhas funcións
básicas:
§
A verificación
da exactitude da información e corrección de datos: problemas ortográficos,
dúbidas idiomáticas, precisión nas datas,etc.
§
Contextualización
ou utilización de datos complexos, cronoloxías, dossieres temáticos…capaces de
apoiar a información á que servirán como complemento, interpretación, síntese
ou comentario.
§
Apoio visual da
información, referíndonos con isto a fotografías, gráficos, mapas…No caso da
documentación televisiva, empregaríamos planos recurso.
FINALIDADE
-Saber buscar.
-Saber identificar.
-Saber seleccionar.
-Saber clasificar.
Segundo Paul Otlet, os fins da documentación son:
-Analizar, xeneralizar, ordenar e sintetizar a información contida nos documentos e ao tempo promover novas investigacións destinadas a profundizar os porqués teóricos de certas experiencias.
-A elaboración dunha serie completa de formas documentais na que se reúnan todos os datos do pensamento científico dende un simple catálogo, por exemplo, ata documentos máis complexos coma grandes coleccións, tratados e enciclopedias.
-Facer progresar todo aquilo que tende cara unha exposición metódica e racional dos coñecementos e das información prácticas.
-Con todo o anterior, provocar e espertar no conxunto da comunicade científica o desenvolvemento de ideas e inventos que poden servir como punto de partida das transformacións profundas da sociedade.
CENTRO DE DOCUMENTACIÓN NUN
MEDIO: Funcións, características e fins
A cadea documental e a súa aplicación á documentación xornalística
Un Servizo de Documentación
Xornalística ten como obxectivo recoller, analizar e posibilitar o acceso e
recuperación de toda aquela información e documentación que resulte necesaria
para dar soporte á tarefa cotidiana nos medios.
Debe estar organizado e
responder ás preguntas dos usuarios dunha forma rápida e pertinente.
No primeiro eslabón da
cadea informativa está a entrada. Agrupa tres operacións fundamentais:
selección, adquisición e rexistro.
-Selección:
elíxense os documentos , pasando por un control de calidade e cantidade.
-Adquisición:
compra.
-Rexistro:
ferramenta de control que permite saber o número total de documentos que
constitúen o fondo dun Servicio de Documentación e a orde de entrada dos
mesmos.
No segundo eslabón atopámonos
co tratamento e coa análise.
Consiste en aplicar a análise
documental a todas as unidade documentais (cada unha das fontes de información)
que forman o fondo do Servizo de Documentación. O proceso consiste en elaborar
referencias documentais (é dicir, a representación de cada unha das unidades
documentais), para que con elas se constrúan unha serie de produtos, coma os
catálogos ou as bases de datos, que permitirán a difusión da información e o
acceso ós documentos.
O terceiro eslabón
correspóndese co procesamento técnico. Componse de dúas fases: ordenación (a
cada unidade documental pónselle unha etiqueta coa signatura topográfica única
para ela, de modo que permita identificala e ordenala) e almacenamento e
conservación (proceso consistente en gardar de forma óptima os documentos
orixinais e os produtos resultantes da análise. Este proceso variará en base ó
soporte no que actuemos).
O cuarto eslabón
correspóndese coa saída da información.
O obxectivo fundamental dunha
Cadea Documental é difundir a información contida nun fondo documental e
permitir a súa recuperación. Contaremos para isto con diferentes instrumentos,
coma os catálogos, as bases de datos ou os índices.
Os medios de comunicación de
masas son instrumentos básicos de difusión. Deben informar de forma veraz e
obxectiva a un público variado e amplo, e son o instrumento por excelencia que
permite situar e analizar no seu contexto os feitos que acontecen na historia.
As informacións forman un
fondo documental moi valioso que debe ser ordenado e tratado, posto que a
información está dispersa, utilizando as técnicas documentais máis axeitadas,
de modo que poida satisfacer a demanda dos usuarios pero tamén de xornalistas,
investigadores, estudosos… De todo o público que precise desa información.
O xornalista, principal
usuario dos servizos de documentación nos medios de comunicación, necesita
información para acceder aos temas con profundidade.
Existen tres funcións ou
finalidades principais dos servizos de documentación dos medios de
comunicación:
-Proporcionar fontes concretas para poder comprobar
de maneira rápida un feito ou dato.
-Ter materiais suficientes para poder situar os temas
no seu contexto.
-Actuar como fontes de inspiración:
-Datos concretos sobre un tema ou para
a súa verificación, información complementaria para ampliar ou crear temas…
A
DOCUMENTACIÓN E A INTERNET
A incorporación de Internet como ferramenta fundamental nos medios
de comunicación e o nacemento do ciberxornalismo está vinculada coa
Documentacion informativa. É necesario neste novo escenario adaptar a
documentación nos procesos de traballo da redacción, rutinas que nalgúns casos
seguen sendo as mesmas (seleccionar, producir e difundir información), pero que
noutros se modifican pola utilización de Internet como fonte ou como medio de
comunicación.
Por outro lado, é a oportunidade dos servizos de documentación
para saír do formato tradicional e proporcionar novas ferramentas que
satisfagan as necesidades informativas, e que reivindiquen un papel máis activo
dentro do medio. É necesario que dalgún xeito ese servizo ofrecido de
Documentación se vexa recompensado ou sexa valorado.
Estamos ante unha simbiose entre o papel do documentador, como
evaluador, rastrexador, e o redactor, como intérprete e narrador da realidade.
Esta fusión daría lugar a un xornalismo moito máis exacto.
MAPA CONCEPTUAL COAS IDEAS BÁSICAS
BIBLIOGRAFÍA
LÓPEZ YEPES, José. La influencia de Otlet en la Documentación española (Aportaciones a la formación del pensamiento documentario español). Madrid: Revista General de Información y Documentación, 1994. Vol. 4, Nº 2.
Del Valle Gastaminza, Féliz. “La Documentación en la empresa informativa”. [en línea]. Universidad Complutense de Madrid
<http://www.ucm.es/info/multidoc/prof/fvalle/tema14.htm>
Rubio Lacoba, María. “Nuevos tiempos para la documentación informativa en el periodismo digital: viejas y nuevas funciones del servicio de documentación digital”. [en línea]. Universidad de Navarra
<http://www.unav.es/fcom/comunicacionysociedad/es/articulo.php?art_id=70>
Fuentes i Pujol, Mª. Eulàlia. Manual de documentación periodística.
Madrid, Síntesis, 1995.
Amat y Blasco:
“Factores condicionantes de las operaciones documentales en los medios de
comunicación”, Revista española de documentación científica, nº2, vol.19
(1996), p. 182-202).
Ben o esforzo, pero hai algúns problemillas. Un deles é que se advirte certa confusión entre Ciencia da Documentación e Documentación Informativa, e do que se trataba era de delimitar esta última, ver as súas características e singularidades. E isto non queda moi claro no seu relato. Nuria Amat, Otlet, Marqués de Melo falan da documentación en xeral, non a que se asocia aos medios de comunicación. No aparatado do centro, non alude demasiado aos rasgos dun centro de documentación nun medio de comunicación, senón que fai referencia ás fases da cadea documental, de xeito xeral. Fala de principios da documentación, neste caso sí son da informativa, pero non cita a Gabriel Galdón, así como tampouco hai fonte nas funcións, aínda que Gastaminza aparece na bibliografía. Neste apartado, recolle a López Yepes e a Amat e Blasco coa referencia en papel, que seguramente usted non consultou, en cambio, sí pudo consultar na Web, ou a través doutras fontes. en Rubio Lacoba, en lugar de universidad de navarra, tiña que especificar Comunicación y Sociedad, que é unha revista e que é o marco onde se publica o artigo que menciona.
ResponderEliminarO mapa conceptual que está moi claro, pero reflexa esa confusión entre ambas dimensións da documentación.
Por si non o comentei, ben o título, simpático e efectivo
ResponderEliminar