jueves, 27 de septiembre de 2012

25S


O pasado 25 de setembro levouse a cabo a acción da “Plataforma ¡En Pie! Ocupa el Congreso”, consistente nunha chamada a toda a cidadanía española para manifestarse  pacíficamente nos arredores do Congreso dos Diputados. O motivo: o panorama político, social e económico existente en España, que semella complicarse máis e máis cada día.

Dende a Plataforma ¡En Pie! instan á rebelión do pobo na defensa dos dereitos fundamentais e das liberdades individuais, comezando por conseguir a dimisión do goberno actual e rematando por acadar un novo modelo de organización que funcione como garante dunha sociedade máis xusta e democrática. 
Foron case uns 2000 manifestantes os que se congregaron en Madrid o pasado martes. A convocatoria dou a volta ó mundo. Saíu en múltiples medios de comunicación, tanto nacionais coma estranxeiros, pero non precisamente pola forza das súas reivindicacións, senón polo grado de represión policial, correcto para algúns e desorbitado para outros. 

A delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, a mesma que autorizou a manifestación, defendeu a actuación policial e as cargas contra os congregados. Tanto ela coma o ministro de Interior fixeron especial fincapé na “violencia extrema dalgúns manifestantes” e no seu radicalismo e felicitaron ó corpo de seguridade estatal por garantir a protección do Congreso.

Pola súa parte, o líder da oposición, Alfredo Pérez Rubalcaba, afirmou que ao Presidente “o país se lle vai das mans”.

Esta non é máis que unha breve presentación do conflito, basándome esencialmente para iso nos diarios El País, El Mundo e Público, pero sabemos que a súa dimensión é moito máis ampla. A polémica xurdida presenta moitas interrogantes. ¿É cuestionable o papel policial? ¿E o dos manifestantes? ¿É correcta a reacción dos representantes do Goberno? ¿Suporá esta protesta un punto e aparte?

Personalmente, paréceme que estamos caendo nunha serie de despropósitos que nos deberían facer abrir os ollos.

Temos un Presidente do Goberno que non está sensibilizado en absoluto co estado de escaseza ao que se ven sometidos día a día moitos cidadáns. Parece que non é consciente da tasa de paro nin da precariedade laboral, de que moitas familias teñen que acudir a comedores sociais para teren algo que levar á boca, de que soben os impostos pero se facilita o despido, de que se recorta en educación e sanidade pero estamos inxectando diñeiro público a entidades privadas, de que a corrupción forma parte dos programas políticos…

Durante o 25S , Mariano Rajoy estaba de campaña en Nova York para recuperar a credibilidade do país, e aproveitou para referirse a esa maioría silenciosa que en vez de manifestarse asume os sacrificios sen queixarse. Ao único que lle interesa ao Presidente e fomentar a “marca España” e calar á cidadanía. “A percepción da imaxe de España non se corresponde coa realidade”, dicía. Pero engánase o Señor Rajoy. Esta é a verdadeira cara do país actualmente, por moito que teime en negalo, e adopta unha postura moi autoritaria e censora ao criticar aos cidadáns que salen á rúa, cando o único que fan é exercer os seus dereitos. A prensa internacional (The New York Times, Le Monde, The Guardian, a BBC, Aljazeera…) está ao tanto e non tardou en destacar nas súas edicións “online” as protestas. A presidenta arxentina, Cristina Fernández, tamén denunciou a situación ante a ONU.  

En canto á actitude policial, calificaríaa de esaxerada, desorbitada, excesiva, desmesurada. Calquera adxectivo deste tipo é o que procede nestes casos. Producíronse agresións a xornalistas e a cidadáns que nin sequera participaban da manifestación. Producíronse excesos policiais (eran ata nove os axentes que podían estar inmobilizando un manifestante) e os axentes negáronse a identificarse, cando esa é a súa obrigación. E eu pregúntome, e ós cidadáns, quen os defende? Ninguén. Se algún deles reacciona violentamente o deber da policía é detelos, pero creo que para iso non é necesario arrastralos polo asfalto ou deixalos desangrados. Os axentes saben que teñen bandeira verde e aprovéitanse diso, pois é o Goberno quen lles dá o aprobado.  Moitos cidadáns temen unirse a estas concentracións porque saben que non hai ningunha institución que os ampare. A Xustiza nestes casos é inoperante, posto que os corpos de seguridade están ao servizo do Poder. 

En definitiva, lamentable que un dos feridos presente unha lesión medular e que Cifuentes se ampare en que “xa tiña antecedentes desta doenza por un accidente de tráfico”. Non creo que esa sexa unha resposta coherente que xustifique que un dos manifestantes estivo ao borde de quedar paralítico polos golpes recibidos.
Este vídeo é unha mostra da actitude policial. Unha imaxe vale máis que mil palabras.

María Dolores de Cospedal atreveuse a comparar o 25S co intento de Golpe de Estado do 23F. Está relacionando o asalto ao Congreso duns gardas civís a golpe de pistola cunha convocatoria pacífica de protesta, o cal me parece un disparate.

O ideal para o Goberno sería que caláramos e asentíramos, pero nesta etapa de desacougo, na que os índices de pobreza están aumentando cada día máis e non sabemos o que nos deparará o futuro, probablemente o único que nos quede sexa a palabra.

1 comentario:

  1. Está ben ofrecer unha visión panorámica da concentración, pero faltan as respostas ás preguntas que ían incorporadas ao traballo.
    Maldita Documentación

    ResponderEliminar